Nado en Celanova, Alexandre Corbillón presenta o seu novo poemario "O segredo do trasno" baseado na súa experiencia en Islandia no 2022.
Alexandre Corbillón (Celanova, 2004) conseguiu no 2022 unha das bolsas literarias da Deputación de Ourense.
Dous anos despois, presenta o seu novo poemario “O segredo do trasno”, unha obra na que asegura estar influenciado por esa estancia no estranxeiro. O acto terá lugar esta tarde, a partir das 20:30 horas, no Liceo de Ourense.
.
De que trata “O Segredo do trasno”?
.
É un poemario que reflicte a conexión entre a natureza e as propias accións humanas. Está dividido en sete capítulos e dentro de cada un exploro a relación entre un elemento xeográfico da paisaxe cunha emoción. A intención é que exista unha transformación, do propio trasno ou do propio lector, que se logra unha vez ten experimentado as diferentes emocións.
.
Esa transformación está baseada nunha experiencia propia?
.
Si, por suposto. O libro esta baseado na miña experiencia en Islandia en 2022, cando puiden desfrutar da bolsa literaria que me concedeu a Deputación. Eu levaba unha especie de proxecto, pero cando cheguei alí a realidade era tan diferente ao que esperaba, superando as miñas expectativas, que me fixo cambiar radicalmente o que levaba. Trasnformou a miña poesía e a natureza gañou protagonismo, como no libro “Os Eidos” de Uxío Novoneyra.
.Fala da súa experiencia coa bolsa literaria, pero este libro chega dous anos máis tarde… A que se debe?
.
Sucede porque comezo a universidade en Lleida. Unha estancia que tamén se vai ver reflectida no propio libro, aínda que a paisaxe galega e a islandesa son as protagonistas. Ademais, eu creo que existe unha especie de ponte cultural e paisaxística entre estas terras.
.
Que supón para vostede presentar o seu traballo en Ourense?
.
Realmente é un soño feito realidade, aínda que sexa un tópico. Estamos traballando arreo para poder crear un espectáculo que estea á altura das expectativas.
.
Que podemos agardar do acto?
.
Creo que vai a ser un acto que non defraudará á xente. Quixémonos distanciar un pouco do que é unha presentación habitual. Estará presente María do Ceo e a coral De Ruada, queremos achegar un encontro musical, porque tamén é parte da miña obra. Ao final de cada poema poño unha canción.
.
E cal é a súa perspectiva de cara ao futuro?
.
Non me pecho a nada, pero aínda que cultive outros xéneros, nunca deixarei a poesía. É algo que me axuda a liberar os meus pensamentos que moitas veces nos chegan a afogar.
.
Por Paula Antón